

Dende o venres 15 de abril ata o 10 de xuño, pódese visitar no Espazo Emao da Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo, a exposición “Soños Ilustrados: Kalandraka, 12 anos de álbum galego”. A mostra reúne, por primeira vez en Vigo, un grupo de ilustracións e traballos pertencentes a dez ilustradores: Ramón Trigo, Marc Taeger, David Pintor Pablo Otero, Óscar Villán, Federico Fernández, Alicia Suárez, Juan Rivas, Francisco Pérez Porto e Kiko Da Silva .
As obras abarcan unha ampla variedade de estilos e disciplinas artísticas: desde obra pictórica, ata cerámica, pasando por banda deseñada, collage ou figuras tridimensionais. Os comisarios da exposición, Federico Fernández e Miguel Vázquez, destacaron que esta mostra, aberta non só ao alumnado da Escola Municipal de Artes e Oficios, senón tamén ao público en xeral, pretende “elevar a ilustración infantil, unha modalidade que nos últimos anos acadou unha notable importancia, á categoría de ARTE en letras maiúsculas”.